Thursday 02 de May de 2024

A Xunta destinou 54.000 euros do plan de emerxencia 2016 á recuperación do pontón sobre o río samo, no concello de Mesía


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, comprobou onte o resultado nunha visita na que estivo acompañado polo alcalde, Mariano Iglesias

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, visitaron o pontón sobre o río Samo, que foi reposto recentemente con cargo ao Plan de Emerxencia 2016, promovido pola Consellería do Medio Rural. Os traballos supuxeron un investimento de 54.450 euros e responden a un convenio de colaboración asinado no pasado mes de setembro entre a consellería e o Concello de Mesía.

A ponte, localizada no lugar de O Río, na parroquia de Cabrui, atopábase en estado deficiente e presentaba fendas na súa plataforma. Instalouse un pórtico cun ancho de taboleiro de 9 metros construído in situ con formigón armado mediante encofrado. Unha vez executado o pórtico (zapatas, muro e lousa superior) colocáronse aletas con pedras de dique de entre 80 e 100 quilos, mellorouse o firme con 10 centímetros de zahorra e rematouse a varanda metálica na ponte. Finalmente, procederase tamén á plantación de diferentes especies arbóreas.

Ovidio Rodeiro destacou o esforzo que está a realizar a Consellería do Medio Rural na recuperación de contornas naturais e na reposición de elementos castigados pola climatoloxía e o paso do tempo. O delegado aproveitou a visita para tratar con alcalde outros asunto de interese para os veciños do concello de Mesía.